Thursday 19 de September de 2024

O Colectivo RPM traerá a San Sadurniño un proxecto contra a soidade das persoas maiores


A Asociación Cultural Colectivo RPM (Residencias Artísticas e Proxectos Magnéticos) é unha entidade que promove a creación artística e a súa integración como ferramenta de mellora social en distintos ámbitos. Neste sentido, en colaboración coa mediadora cultural Natalia Balseiro e co financiamento da Fundación La Caixa, a entidade está preparando un proxecto innovador para a abordaxe da soidade en persoas maiores. A iniciativa desenvolverase en San Sadurniño durante o outono e, como anticipo, darase a coñecer durante a Feira Rural.

RPM é un movemento de artistas vencellados á danza e as artes vivas que “imaxina, deseña e acompaña distintos proxectos contextuais desde Galicia”, tal e como se apunta na súa web. O colectivo impulsa iniciativas “ao redor da creación contemporánea, a investigación e a visibilidade da comunidade artística da danza e as artes vivas” e, ademais do acompañamento de artistas e procesos, tamén se centra en “xerar diálogos e accións coas comunidades locais para achegar a práctica artística á cidadanía”.

Agora o colectivo deseñou un programa orientado a aquelas persoas que se atopen en situación de soidade non desexada, “co obxectivo de crear vínculos duradeiros entre elas de cara a mellorar a súa calidade de vida”. As actividades –conducidas por un equipo de formadoras especializadas en arte e mediación– iniciaranse no mes de outubro e desenvolveranse semanalmente até decembro co apoio da Fundación LaCaixa, que leva máis dunha década apoiando accións neste ámbito.

É moi recomendable a lectura deste documento sobre a comunicación do seu programa “Siempre acompañados”, onde se fai unha descrición da “soidade” que dista moito dos conceptos, prexuízos e xeitos de abordaxe máis comúns.

Coa idea de ampliar información, resolver dúbidas e transmitir as claves do proxecto ás persoas interesadas, o equipo coordinador de RPM explicará o seu contido no expositor do Concello durante a XV Feira Rural. Ademais, nas próximas semanas tamén se irá ampliando a información na web e nas redes sociais municipais.